domingo, 1 de abril de 2012

Entrevista a Xesús Constela

A miúdo nos preguntamos que hai detrás dun escritor. Seguramente que hai moitas historias esquecidas e moitas preguntas que rondan na súa cabeza. Pero moitos non nos damos contade que, detrás deses regueiros de tinta, se esconde algo máis que un escritor que escribe libros. Escóndese un escritor que escribe, páxina a páxina, o libro da vida. O libro máis fermoso.
Con gran naturalidade e soltura, mostrándonos o lado máis aberto dun escritor, Xesús Constela, nado en Ferrol  pero actualmente residente en Poio, cóntanos como se inspira un escritor para escribir unha obra, as vantaxes e inconvintes do mundo da literatura, cal foi a primeira vez que soubo que escribir era o seu, de onde vén cada idea para unha nova historia e o que opina da sociedade actual e a lectura, dos novos escritores e a xuventude lectora que pouco a pouco, parece ir desaparecendo, como se dunha lanterna que se vai apagando se tratase... ou pode que non.
Para descubrir todo o que hai que saber sobre o que pensa un escritor, esta entrevista é perfecta para que un se decate de como escribir unha novela...

1- Referíndonos ao "Libro das alquimias", algunha vez sentiches de pequeno a necesidade de introducirte nun libro literalmente como o rapaz da historia?
Supoño que dalgún xeito cada vez que temos un libro entre as mans estamos a nos mergullar dentro del. E facémolo dun xeito case físico. Se a lectura é boa (e o libro tamén) sentiremos frío e sentiremos calor, sentiremos medo e tamén riremos, e choraremos, e nos emocionaremos da man dos seus personaxes. Iso, e non outra cousa, é a lectura: unha viaxe polas páxinas dun libro, unha viaxe que sempre resulta apaixonante.

2- Cando foi a primeira vez que escribiches? Por que? Como foi esa experiencia nun mundo novo de ríos de tinta?
A verdade é que non teño moita conciencia de cando foi a primeira vez que escribín. O que si podo dicir é que lembro con perfecta nitidez os intres en que a miña profesora de preescolar (naquel época era o “parvulario”) acompañaba a miña man polo papel para me ensinar a debuxar letras. Que feliz e que orgulloso me sentía! Ese foi o comezo da miña viaxe polos ríos de tinta. Corría o final da década dos 1960 e o lugar era Ferrol. Débolle tanto a esa cidade!

3- Sempre soubeches que te querías dedicar (ademais da túa actual profesión) a escribir?
Foi un día no hipermercado Carrefour de Pontevedra na compaña de meu fillo, que daquela tiña arredor de dez anos. Entre broma e broma acerca da megafonía foi agromando o xermolo do que uns días despois sería un relato titulado “Tiñádelo que ver” (agora o nome do meu blog). A partires dese relato naceu o libro As humanas proporcións, a miña porta de entrada no mundo da literatura. Sentinme tan realizado que fun plenamente consciente de que acababa de abrir unha billa que nunca máis podería pechar, unha billa da que sae auga sen cesar.

4- Que é o que adoitas facer para obter inspiración e escribir unha nova historia? Hai a quen lle resulta difícil, e a ti?
A miña inspiración sempre é a realidade: cousas que me contan, cousas que lembro, cousas que descubro nun xornal, ou nunha viaxe, ou nunha revista, ou nas noticias da televisión, cousas que chegan a min sen ás veces procuralas dun xeito consciente. Déixoas repousar na miña cabeza coma un vello tesouro (as lembranzas non son outra cousa máis ca iso) e logo paso por un proceso de adaptación desas ideas/lembranzas/cousas ao meu estilo literario. É un proceso longo e moi laborioso pero non é difícil. Non.
5- Cal é, das que escribiches, a túa novela preferida?
Cada libro é coma un fillo: non hai favoritos. Falei antes d’As humanas proporcións. A esa colección de relatos débolle todo canto son agora no eido da literatura. Foi a miña porta de entrada (bastante triunfal): unha primeira obra que chega e recebe dous premios e ten unha fantástica acollida por parte dos lectores… Iso non ten prezo. Despois veu o Libro das alquimias, unha novela concibida coma un agasallo para os meus fillos e que contén moitos ingredientes que poderían explicar as miñas afeccións escritora, lectora e viaxeira (ás veces dou en pensar se non atoparía eu de verdade a ese vello bibliotecario errante e anónimo). E logo chegou Shakespeare destilado (e con ela un novo premio). Esta última un divertimento mordaz e irónico acerca do feito literario: a literatura bébese, procésase estomacalmente e logo vomítase… Paseino tan ben escribíndoa! Non podería escoller un libro entre os tres. E agora no mes de abril vindeiro verá a luz unha cuarta obra que leva por título 15.724, unha novela acerca da pena de morte, o máis inxusto (e tamén o máis abominábel) dos castigos que se poden infrinxir a un ser humano. Cada un dos personaxes que habitan esta novela viviu (e quizais aínda vive) ao meu carón ao longo de varios anos día tras día e noite tras noite.

6- Cres que é máis sinxelo escribir para público infantil, xuvenil ou adulto? Cales pensas que son os máis esixentes?
Eu quedo con ese lector que é adulto pero non é quen de esquecer a nenez, que é maior pero non pode afastarse dos hábitos e costumes (bos ou malos) adquiridos na infancia. Ese é o meu público favorito e ese é tamén o grupo de lectores máis esixentes.

7- Que opinas deses libros, aos que chamamos "comerciais", que se venden como churros?
Pois que son iso: churros. Mágoa que un churro sen chocolate non val para nada!


8- Que autores son os teus preferidos? Por que? 
Estou a reler (van xa tres veces) estes días aquela triloxía sobre os devanceiros que escribiu o grande Italo Calvino: O vizconde demediado, O barón rampante e O cabaleiro inexistente. Abráianme: vaia unha mestría que se necesita para facer que unhas historias tan fantásticas poidan parecer verosímiles á vista dos lectores. Hai que ser un xenio para conseguir iso.
Adoro a escrita de Paul Auster e de Haruki Murakami. Encántanme Jonathan Swift (As viaxes de Gulliver), o escritor vasco Unai Elorriaga e o portugués Gonçalo M. Tavares (sobre todo a súa novela Aprender a rezar na era da técnica). Gozo da lectura de José Saramago (magníficos o Ensaio sobre a cegueira e o Memorial do convento) e na literatura galega góstanme moito Álvaro Cunqueiro (nos clásicos) e Antón Riveiro Coello (nos contemporáneos). Adoro tamén o realismo máxico latinoamericano (Alejo Carpentier, Gabriel García Márquez…). E tamén adoro explorar novos camiños literarios: Agota Kristof, Milena Agus, Jonas Jonasson, Nick Hornby, Amelie Nothomb… son xente nova que achega grandes cousas.  

9- Actualmente hai moitos escritores que deixan finais abertos para escribir continuacións, e no caso de persoas que estén "enganchadas", obríganas a mercar os próximos libros. Que opinas? Paréceche ben? Por que si ou por que non?
Opino acerca deles o mesmo que acerca dun fabricante de lavadoras que programa as súas máquinas para que pasado un determinado tempo deixen de funcionar para que a xente teña que mercar un modelo novo. Remítome á pregunta acerca dos churros.

10- Como se che ocorreu escribir o "Libro das alquimias"?
Na cidade de Ferrol (xa dixen que lle debo moito) había un vello libreiro do que xa ninguén se lembra que tiña unha libraría de libros de segunda man ao remate da rúa Magdalena no baixo dunha casa que xa non existe. Era un tipo misterioso e xordo coma unha pedra. Eu ía onda el da man de meu pai para mercar libros (parte da biblioteca familiar veu da tenda dese vello) e non imaxinas o que viaxaba a miña imaxinación nesas visitas á súa libraría. Esa e non outra é a orixe do Libro das alquimias. Sempre me sentín obrigado a escribir algo no que aparecera un vello semellante. Todo o demais naceu ao seu redor.

11- Xeralmente, cando vas escribir, tes unha idea previa? En ocasións ocórreseche algo que deixas para continuar noutro momento, como se estiveses conxelando unha pota de callos? A moitos sucédenos iso.
A miña escrita sempre obedece a un mesmo esquema: a realidade aporta unha idea que eu teimo en traballar coma un pasteleiro que traballa a masa dun (futuro) biscoito. Plasmo esa idea primixenia xa traballada nun papel (a través da computadora, nunca a man) e déixoa repousar (ás veces anos) para retomala ao cabo dun tempo e empezar a transformala pouco a pouco. Ás veces xunto tres, ou catro, ou cinco ideas e con elas constrúo algo diferente do que inicialmente me plantexara. Unha vez construído un bo armazón dedico todo o tempo do mundo a decoralo ate que me sinto satisfeito.

12- E por último, Xesús, pensas que a xuventude actual é boa ou mala lectora? Explica por que o cres así.
Hai de todo: grandes lectores e lectores nulos. Deberíase dedicar máis tempo á lectura no sistema educativo. Sempre lembro o caso de Suecia: na década dos noventa o ministerio de educación sueco chegou á conclusión de que a mocidade deixara de ler e que a venda de libros decaía sen cesar. E que fixeron as autoridades? Convocaron a todo o profesorado de lingua e literatura suecas a abandonar a parte máis teórica dos seus temarios co gallo de dedicar o tempo da clase á lectura de libros en voz alta para deseguido comentalos entre todo o alumnado. E botaron así varios cursos… Suecia acabou por se converter no país europeo coa meirande taxa de lectura. Nada se consegue por arte de maxia e as nosas autoridades educativas poderían tomar un bo exemplo do caso sueco. Aí está o futuro.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Paréceme interesantísima.Tan suxerentes as preguntas como enriquecedoras as respostas. Gracias polo teu traballo

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...